Neste articulo preténdese mostrar con cifras a tendencia que pode ter a xeotermia en Galicia cos debidos apoios.
Segundo os datos de Geoplat en España habería unha potencia instalada no ano 2019 de 326 MWt. En Galicia existirían segundo ACLUXEGA algo máis de 36 MWt e segundo INEGA case uns 34 MWt. O que supón ao redor do 11% [Acluxega] da potencia instalada en España, a cifra non é para nada depreciable xa que Galicia conta co 6% da poboación do país. Ademais a maior parte das instalacións son pequenas instalacións de particulares, e de algunhas de gran tamaño, e determinar o seu volume real é unha tarefa complicada polo que se cree que existen máis instalacións das que se teñen conta.
Para ter unha idea do volume de potencia instalada que se podería acadar no 2030, en Acluxega fixéronse diversas estimacións e comparáronse cos datos dispoñibles de Geoplat a nivel España e do Inega a nivel Galicia.
Acluxega no Estudo do papel da Xeotermia cara á Transición Enerxética Xusta 2021–2030 plántea tres situacións, a primeira baséase nos datos históricos dende 2010, o mínimo cara o que deberiamos avanzar. Nesta recollese o período da crise da construción polo que se expón unha segunda estimación baseada nas tendencias actuais do período 2018-2020, o que representaría unha tendencia moi optimista da capacidade alcanzable. E por último, a media entre as dúas tendencia a cal se considera unha aproximación razoable e a que debería ser o obxectivo a acadar en Galicia no 2030. Na seguinte táboa mostramos as tres predicións ano por ano en Galicia.
Tendo en conta estes datos poderíase dicir que o crecemento medio esperado sería de 5,4MWt/ano en Galicia, no caso que no 2030 a potencia total sexa de 96,18MWt. Hai que ter en conta o esforzo das políticas da UE, por iso considerase un crecemento óptimo e alcanzable a media das tendencias cun crecemento medio de 7,3MWt/ano, o que permitiría acadar no 2030 unha potencia xeotérmica total de 117,36MWt.
Nos datos amosados por Geoplat, na presentación “Nuestro reto: consolidar la geotermia en España en la década 2020-2030, Asamblea GEOPLAT, Julio 2020”, estiman que en España no 2030 a capacidade xeotérmica instalada sexa de 1250MWt o que supón, segundo os seus datos, un crecemento anual medio do 12,98%. Considerando a tendencia media estimada por Acluxega na que no 2030 a potencia sexa de 117,36MWt, o crecemento de Galicia anual sería do 11,26%.
Por outra banda, os datos publicados polo Inega mostran que nos últimos anos o crecemento medio anual da potencia instalada en Galicia é dun 9,75% (período 2015-2019). O obxectivo debe ser o de conservar esta tendencia nos anos vindeiros. Contrastándoo cos datos dispoñibles de Acluxega e os publicados por Geoplat pódese dicir que o crecemento da xeotermia é prometedor. Coa xestión adecuada do recurso e a promoción do uso desta enerxía poderíase acadar un crecemento anual de polo menos un 10% en Galicia e considerando a tendencia máis optimista poderíase chegar ao 13%.