Skip to main content

O ciclo “A xeotermia: unha oportunidade para o futuro da edificación e as instalacións” reunirá a profesionais, empresas e centros de Formación Profesional para analizar o presente e o futuro desta tecnoloxía renovable.

A Asociación Clúster da Xeotermia Galega (ACLUXEGA) organiza as xornadas “A xeotermia: unha oportunidade para o futuro da edificación e as instalacións”, un ciclo de catro encontros que se celebrarán en Vigo, Culleredo, Ourense e Lugo co obxectivo de achegar esta tecnoloxía renovable a centros de Formación Profesional, empresas e profesionais do sector.

As xornadas propóñense como un espazo de intercambio de coñecemento entre profesionais, empresas e centros de Formación Profesional, no que se analizará o presente e o futuro dunha das tecnoloxías renovables con maior proxección.

Contido das xornadas

O programa inclúe unha introdución á xeotermia e ás súas aplicacións na edificación, a presentación de casos reais de instalacións xeotérmicas en vivendas e edificios terciarios —con datos de resultados, eficiencia e aforro enerxético— e unha análise da integración da xeotermia con outras enerxías renovables, como a fotovoltaica.

As xornadas incluirán ademais unha mesa redonda con empresas do sector, na que se abordará a evolución do mercado, os proxectos que xa se están a desenvolver, os perfís profesionais máis demandados, as competencias técnicas e persoais que buscan as empresas, e as oportunidades de colaboración entre empresas e centros educativos.

Dirixido a centros educativos e ao sector profesional

Aínda que as xornadas se celebran en centros de Formación Profesional, a convocatoria diríxese tamén de forma especial a empresas instaladoras, enxeñerías, arquitectos, técnicos municipais, fabricantes e profesionais da construción e da eficiencia enerxética, cuxa participación achegará unha visión práctica e próxima da realidade do sector.

Calendario de sedes

  • Vigo – 17 de setembro
  • Culleredo – 24 de setembro
  • Ourense – 1 de outubro
  • Lugo – 7 de outubro

Desde ACLUXEGA convídase a participar a todas as empresas e profesionais do sector interesados en compartir experiencias, xerar contactos e contribuír á formación dos futuros profesionais da xeotermia, nun ciclo que pon de manifesto que a transición enerxética tamén se constrúe compartindo coñecemento.